Introducción

Gallaecia Petrea propón un percorrido pola presenza da pedra na cultura galega, desde as súas orixes ata a actualidade: desde o momento en que é elemento básico na definición da paisaxe ata as creacións culturais máis recentes.

Xeoloxía

A xeoloxía determina a historia do territorio de Gallaecia Petrea. Por unha parte, por mor da súa similitude litolóxica concretada en dous tipos de roca dominantes, granitos e lousas, ofrécelles unha grande homoxeneidade aos materiais sobre os que se vai desenvolver a actividade biolóxica –tipos de chan, vexetación–, o que explica a homoxeneidade da paisaxe. Tamén inflúe na paisaxe humana, pois as mesmas materias primas minerais e as mesmas rocas determinarán os movementos do home á procura dos recursos xeolóxicos específicos de Gallaecia, ou o deseño da arquitectura ou da arte en xeral que define a paisaxe humana desde a Prehistoria ata a actualidade.

[+]
Prehistoria

Cando os primeiros homínidos chegaron ao noroeste peninsular usaron as rocas presentes no territorio para a fabricación dos seus útiles. Co tempo, a pedra transcenderá o simplemente utilitario, converténdose en adorno e soporte de manifestacións artísticas. A partir do Neolítico alcanzará progresivamente a todas as manifestacións humanas, como a arquitectura monumental, e, xa durante a Idade do Ferro, xeneralízase tamén na construción das vivendas. Pero, a medida que se incorpora a novos ámbitos, o instrumental pétreo verá reducida a súa importancia, sendo substituído por novos materiais.

[+]
Roma

Roma deixou en Gallaecia unha dobre e indeleble pegada: a escrita e a arqueolóxica. E desde o punto de vista arqueolóxico, sobre pedra, especialmente granito e lousa, plasmáronse as manifestacións máis sobranceiras dos procesos de modelación romana a través das distintas actividades susceptibles de seren realizadas no traballo sobre roca. Son, polo tanto, os resultados do devandito labor, levado a cabo durante o período de dominación romana, os que se pretenden dar a coñecer na presente mostra, desde a primeira monumentalización dos santuarios rupestres ou a aparición da estatuaria híbrida romano-indíxena, ata os conxuntos arquitectónicos urbanos, os campamentos e vilas rurais, as obras escultóricas, as pontes e vías ou, simplemente, os obxectos da vida cotiá.

[+]
Medievo

A Idade Media é unha das etapas máis brillantes da historia de Galicia. No seu transcurso fíxanse de xeito definitivo os seus límites territoriais, os mesmos que hoxe posúe, e será daquela tamén cando acade unha maior proxección exterior grazas á conversión de Santiago nun dos grandes centros de peregrinación da Cristiandade. Este feito propiciará a conversión da sé santiaguesa nun fito de excelencia artística, repercutindo o seu esplendor, con formulacións de alcance dispar, en múltiples núcleos do territorio. Non todo, non obstante, se explica a partir del. Outros centros destacarán tamén con personalidade propia. Da significación dos de maior entidade (Lugo, Ourense, Tui, Mondoñedo), con pezas excelsas, dá conta este capítulo da exposición.

[+]
Moderna

A pedra, cargada dun valor cerimonial e máxico para o pobo galego desde as súas orixes, utilizouse na Idade Moderna naqueles conxuntos excepcionais que polo seu valor simbólico debían perdurar sen que o tempo borrara a súa memoria. Así a pedra pasou a ser un material reverencial ao que non renunciaron nin a Coroa, nin a Igrexa, nin a fidalguía nos seus proxectos, e moito menos o pobo, que a empregou nas súas casas, nas súas capelas, nos lindes das súas fincas, nos cruceiros, nas fontes, arrancando dela toda a súa expresividade.

[+]
Contemporánea

Resulta difícil explicar a presenza e o protagonismo que ten a pedra nos séculos XIX e XX sen nos referir á incidencia dunha situación política e económica que condiciona o desenvolvemento dos proxectos máis ambiciosos e atrasa a incorporación dalgunhas solucións técnicas e estéticas que entón se despregaban nos centros culturais europeos máis activos. Na escultura, atopámonos cun panorama bastante gris no século XIX, con moitos epígonos do formulado tanto desde un punto de vista estético coma desde un aspecto formal. Sen dúbida, hai que esperar, co cambio de século, á chegada dun escultor como Francisco Asorey para que poidamos medir as obras dun artista coa mellor tradición plástica galega.

[+]